mércores, 29 de abril de 2020

Actividades terceira avaliación

Ola a todos de novo! Estou a preparar diferentes actividades para esta terceira avaliación que poidan resultar motivadoras, entretidas coas que sigades aprendendo e que non supoñan unha carga engadida a esta situación que estamos a vivir. Para elo coloquei unhas pestanas cos diferentes cursos onde irei propoñendo diferentes actividades, aínda que moitas aparecerán en varios cursos á vez porque as podedes facer varios niveis. De todos os xeitos, podedes entrar en cursos diferentes aos vosos por se vos apetece e sodes capaces de facer outras actividades que tamén vos poidan gustar. Nesta entrada principal irei poñendo avisos ou propostas comúns a todos. O primeiro que imos traballar é a figura de Beethoven que tiña previsto para este terceiro trimestre. Aproveitando que este ano 2020 celébrase o 250 aniversario do seu nacemento.  Imos coñecer a este gran músico do inicio do Romanticismo.

mércores, 22 de abril de 2020

Día do libro e Día da Terra

Hoxe 23 de abril, é o Día do Libro, unha data sinalada que  no cole sempre celebramos dalgunha forma especial. Este ano non pode ser así, pero non por iso imos deixar de reocordar este día e dende a área de Música deixo a miña aportación a dita celebración."Vuela" é o título dunha canción que cantan Koers unha banda reggae xunto con Macaco. A súa letra convídanos a voar ao igual que o fan os libros cando os abrimos e lles damos a oportunidade de ser lidos, e o seu ritmo convídanos a bailar, que máis podemos pedir? Aí vos queda para que a desfrutedes.

Onte 22 de abril tamén foi outra data importante "O Día da Terra" e para celebralo con música déixovos esta bonita historia da cultura Nasca de Perú titulada "Colibrí y la lluvia". Trátase dunha narración musicada que conta a historia dun colibrí que quere calmar a sede das súas crías, pero a terra está seca e non lle será nada fácil. Espero que vos gusten as dúas suxerencias de hoxe!

domingo, 19 de abril de 2020

Cantemos todos xuntos!

Que vos parece se cantamos entre todos unha fermosa canción que nos una a pesar da distancia?
Desde a área de Música propoño que entre todos cantemos a canción  "Chea de vida" de Guadi Galego, unha importante figura da música galega actual. Pode participar quen queira, dende os máis cativos aos maiores.
Como? Enviándome un vídeo ao correo ygguerra1@gmail.com Gravaredes o vídeo cantando a canción e bailándoa, facendo xestos, acompañándoa con percusión corporal ou calquera instrumento ou obxecto, sós ou acompañados.., como queirades. Tedes que CANTAR! e o resto como queirades...!!Procurade que se vos escoite máis a vós que a música. Para mandar o vídeo seguramente o teñades que facer a través dun enlace de google drive. Pedide axuda a alguén na casa para facelo se non sabedes. Cos vídeos que reciba farei unha montaxe onde saiamos todos cantando a canción e así nos poidamos ver. Sei que hai nenos e nenas que cantan moi ben asique conto con todos e todas! Esta actividade será tida en conta para subir a nota do terceiro trimestre, non para baixala.
Por que esta canción? Porque me gusta a mensaxe, porque é en galego e as veces olvidámonos de que cerquiña de nós hai moito talento musical, para que coñezades a Guadi Galego e porque imos saír desta "cheos e cheas de vida" e ademais.... e agora vén o incrible..... porque teño a posibilidade de facerlle chegar a Guadi Galego o noso vídeo. Non vos parece xenial? Pois adiante, sede orixinais e adicade esta semana a cantar sós ou en familia, veredes que ben vos senta. O prazo para enviar os vídeos  é ata o martes 28 de abril. Facer a montaxe leva bastante tempo, asique segundo os vaiades tendo ideos enviando. Calquera dúbida ou problema comunicádevos comigo por correo ygguerra1@gmail.com.

AVISO IMPORTANTE!! Por favor a gravación co móbil facédea en HORIZONTAL Grazas!

A continuación déixovos a canción e a letra de "Chea de vida" de Guadi Galego. Grazas anticipadas pola vosa participación! Bicos!!

Un pequeno desafío

Ola a todos e todas! Estou a preparar entre outras cousas uns desafíos coa apliacación Kahoot que algúns xa coñeceredes. Para estrenarnos déixovos o primeiro que é  moi moi sinxelo. Son só seis preguntiñas as que tedes que responder. Tedes 30 segundos para cada unha. Ao rematar diravos a puntuación que conseguistes segundo o tempo e o número de acertos ou erros que tivestes. Antes de empezar poñede no cadro no que vos pide un apodo o voso nome e curso. Ah! IMPORTANTE: Este desafío remata o venres 24 de abril ás 11 da noite. Sorte!!
 Pinchade na imaxe para xogar!

venres, 17 de abril de 2020

E para os máis peques...

Para que os máis peques recordedes o que traballamos na clase aquí vos queda esta actividade para repasar o pentagrama e a clave de Sol. A ver quen ten mellor pulso!

martes, 14 de abril de 2020

Sodes quen de superar este reto?

Só os máis intrépidos, atrevidos e con máis coñecementos musicais lograrán chegar ao final deste "Escape -musical". Un xogo moi divertido no que teredes que superar catro misións con diferentes probas coas que conseguides un número secreto necesario para realizar a última gran misión e conseguir escapar. Seredes capaces? Moita sorte!


Coñece onde se colocan os instrumentos da orquestra

Despois desta Semana Santa tan diferente teño preparadas para vós algunhas actividades para que aprendades e ao mesmo tempo vos divirtades. A primeira que vos propoño é unha onde tedes que situar os diferentes instrumentos da orquestra no seu lugar correspondente. É moi fácil, xa veredes!

martes, 7 de abril de 2020

Mostramos os nosos instrumentos

Ao longo do segundo trimestre, algúns nenos das clases de 4º A e 4º B tiveron a iniciativa de levar á clase os instrumentos que están apendendo a tocar en diferentes escolas para amosarllos aos seus compañeiros. Aquí podedes ver algúns deses momentos. Grazas a Antón, Hugo, Dani e Martiño polo voso interese. Debaixo vos deixo tamén dous xogos para que poñades a cada instrumento as súas partes. Espero que vos gusten. Saúdos!

mércores, 1 de abril de 2020

Aplicacións musicais

Co ánimo de facilitarvos máis opcións  para realizar actividades musicais na casa e repasar diferentes contidos musicais ou simplemente divertirvos tocando instrumentos virtuais ou compoñendo música, déixovos esta recompilación de Apps musicais que compartiron Mª  Jesús Camino e Almudena Pérez. Espero que vos sexan de utilidade. Desexando que esteades todos ben e con moitas ganiñas de que nos vexamos pronto. Saúdos!